06/04/24

Barcelona en familia

 


Vimos de visitar unha das cidades máis fermosas da Península e do mundo enteiro
A capital catalá ofrece un patrimonio cultural único, comezando pola arquitectura modernista
Boa parte dos días que botamos en Barcelona dedicámolos a coñecer os edificios deseñados por Gaudí
Selma nunca os vira, así que lle pareceu unha experiencia do máis enriquecedora camiñar por paisaxes de fantasía





Tanto a Casa Batlló coma a Milà, La Pedrera, conseguiron emocionarnos coa súa beleza
No primeiro caso, coa súa recreación do mar Mediterráneo e co lombo dun dragón sobre a edificación
No segundo, coas entrañas dese mesmo ser mitolóxico vencellado ao patrón do país e cos gardiáns a velar na azotea





As chemineas da terraza tamén representaban os catro elementos da natureza





Dende aló, albiscábase o noso seguinte destino, tamén soñado polo xenio creativo de Antonio Gaudí
Tratábase da Sagrada Família, unha basílica aínda inconclusa máis dun século despois de comezar a se erixir
Neste caso, as catro maiores torres aluden aos evanxelistas, ademais doutra máis recente, e algo máis alta, dedicada á Virxe
Falta aínda por levantar a máis grande das dezaoito que haberá en total, que fará alusión a Cristo e que superará os 170 metros de altura






No caso da Sagrada Familia, o simbolismo cromático obtense a partir da luz a incidir nas vidreiras
Non así no Parc Guëll, onde as cores parten dos materiais de reciclaxe empregados para recubrir co trencadís
Ambas as dúas obras teñen en común o uso de columnas que imitan as pólas das ábores para termar do peso das estruturas






Outro elemento en común co resto dos grandes traballos de Gaudí é o uso de arcos catenarios
Como un de cor azul, sobre estas liñas, que se pode ver no interior da Casa del Guarda, á entrada do parque
No barrio do Rabal hai outro edificio deseñado polo xenio catalán, un palau encargado tamén polo seu mecenas, Eusebi Güell
Conta a... lenda urbana? que un pasadizo une este edificio co do Centro Galego de Barcelona, situado na traseira e con fachada na Rambla





Mestre de Antoni Gaudí foi Lluís Domènech i Montaner, autor do Palau de la Música Catalana
Ao igual cás obras do seu discípulo xa amentadas, esta tamén goza do recoñecemento de Patrimonio da Humanidade
Outro tanto ocorre co seu Hospital de Sant Pau, que xa visitaramos con anterioridade noutra viaxe a esta cidade que é un ben mundial en si




O Palau de la Música foi o edificio que máis me emocionou de todos cantos visitamos
Levaba tempo querendo velo cos meus propios ollos, e o certo é que non me defraudou en absoluto
Non lonxe, encóntrase o Arc de Triomf, de finais do século XIX e situado ás portas do Parc de la Ciutadella






No parque visitamos varios edificios construídos, coma o arco, para a Exposición Universal de 1888
Entre eles, o Hivernacle ou o Umbracle, ademais do antigo Museu de Geologia, rehabilitado hai escasos anos
Tamén vimos o Parlament de Catalunya, que ocupa o que fora o arsenal da Ciutadella, erixido a comezos do século XVIII
Para construír este forte, os Borbóns arrasaran un barrio enteiro e miles de persoas quedaran sen casa, tras o apoio catalán aos Austrias




Outro parque ben curioso que visitamos foi o do Poble Espanyol, un museo arquitectónico ao aire libre
Este construíuse nos anos 20 en Montjuïc, co gallo doutra exposición universal celebrada tamén en Barcelona
Alí visitamos a valiosa pinacoteca do Museu Daurel, ademais dun cento de edificios de diversas zonas peninsulares
Entre eles, unha réplica desordenada, a unha escala reducida, do pazo de Fefiñáns, co seu balcón redondo e co seu arco




Ás súas aforas, encóntrase o mosteiro de Sant Miquel, inspirado no románico catalán




Xa na zona vella da cidade, un dos lugares máis fermosos é a Plaça Reial
Tamén no Gòtic, encóntrase a Pont del Bisbe, moi preto da emblemática praza de Sant Jaume





Da outra beira da Rambla pódese dar con recunchos coma o antigo hospital da Santa Creu
Aquí encóntrase a sede da Biblioteca de Catalunya, e non lonxe, na rambla do Raval, encóntrase El Gat de Botero
Baixo estas liñas, vemos unha foto das vistas que tiñamos dende a terraza do hotel onde nos aloxabamos, ao carón da Boquería




Non puido faltar, por tanto, a obrigada visita a este mercado onde se pode atopar practicamente de todo
Tampouco deixamos de ir ao Bosc de les Fades, un local inzado de seres míticos como poden ser os ents ou as fadas 




Tamén fomos a algún dos moitos restaurantes orientais da cidade onde ofrecen ramen
E visitamos a tenda de Lego no Passeig de Gràcia, onde se expoñían réplicas dalgúns dos principais monumentos





Non moi lonxe, btotámonos a perder no triángulo formado entre o Arc de Triomf e as prazas de Urquinaona e Tetuán
É nesa zona onde se concentra o maior número de locais vencellados á subcultura friqui nas súas diversas manifestacións
Alí acudimos á mítica librería Gigamesh, preto de Norma Còmics, e a rapaza puido degustar un delicioso bubble tea de manga




Con non menos devoción, adentrámonos nas Galeries Maldà, no Gòtic
Alí tanto había tendas dedicadas ás obras de anime como ás de Tolkien, Lovecraft ou Rowling





E o que tamén vimos foron outros moitos edificios fermosísimos e pintorescos
Obras arquitectónicas non tan coñecidas coma as de Gaudí, pero tamén dignas de ser contempladas
Foi o caso desta Casa Golferichs, do arquitecto modernista Joan Rubió i Bellver, situada na Gran vía de les Cortes Catalanes




No Born e no Gòtic foi onde máis puidemos admirar pola noite os edificios históricos
Por exemplo, a basílica de Santa Maria del Mar, a  catedral ou a fachada do Palau de la Música Catalana
E ata aquí chega o relato da nosa viaxe á capital dese país tan apaixonante e acolledor como é Cataluña, a onde contamos con tornar axiña

Barcelona en familia

  Vimos de visitar unha das cidades máis fermosas da Península e do mundo enteiro A capital catalá ofrece un patrimonio cultural único, come...